Friday 03 de May de 2024

O equipo de goberno municipal reúnese coa veciñanza de Palmeira


O equipo de goberno municipal mantivo onte unha reunión aberta coa veciñanza de Palmeira co propósito de informar das actuacións que o Concello está a levar a cabo na parroquia e recoller todas as inquedanzas que ten a veciñanza en diferentes eidos.
“Estos encontros abertos axúdannos á hora de priorizar actuacións para incluír nos orzamentos municipais” afirmou o rexedor Luís Pérez, quen destacou a importancia de establecer un diálogo coa veciñanza para conseguir que os recursos municipais se asignen de xeito eficaz e acorde ás necesidades reais da comunidade.
O equipo de goberno informou da actuación que se está levando a cabo actualmente na rúa da Cambra, así como de futuras obras pendentes de adxudicar; como a renovación da rede de auga potable na rúa do Barreiro, ou o saneamento no Lugar de Lixó, nas que o Concello investirá máis de 200,000 euros.
A veciñanza trasladou ao equipo de goberno a necesidade de acometer varias actuacións relacionadas co mantemento da infraestrutura e mellora da seguranza viaria. Pola súa parte, o equipo de goberno reafirmou o seu compromiso de seguir incrementando a rede de servizos básiocos e saneamento; así como a mellora da pavimentación das estradas na parroquia.
No encontro tamén estiveron presentes as edís Hermina Pouso, Tania Redondo, Cruz Rivadulla, Veva Betanzos, Antía Alberte e Xabier Vidal.